González Fernández, Xoán Xesús
Descuento:
-5%Antes:
Despues:
16,53 €Publicada por vez primeira no ano 1933 pola editorial Nós de Anxel Casal, A modelo de Paco Asorei é unha peza romántica e sentimental, ambientada na Compostela de inicios do século XX, que relata unha apaixonada historia amorosa entre o xove estudiante Diego de Longarela e a poeta ourensá Lucinda de Gundisal. Con anterioridade, fragmentos da parte inicial do libro foran aparecendo por entregas no semanario El País Gallego, que o seu autor, Xoán Xesús González, fundara en 1927.A acción da novela céntrase na idílica relación sentimental que manteñen os dous mozos ao longo de dous intensos meses que ela pasa en Compostela. Chegan mesmo a facer un xuramento de mutua fidelidade ao xeito peculiar da literatura romántica, neste caso coa Virxe da Corticela como testemuña. Precisamente no ambiente compostelán prodúcese o feito que dá título á novela: a decisión de que o escultor Paco Asorei faga un busto da moza. Elemento que en principio puidera parecer anecdótico pero que para o autor terá un profundo sentido simbólico no relato. Desde o momento en que o escultor comeza a obra nace no protagonista unha nova visión da súa amada, que se lle presenta como máis sensual, mesmo erótica. A obra escultórica nunca chegaría a estar completamente rematada debido a múltiples interrupcións provocadas por unha especie de ciñumes que a protagonista chega a sentir pola súa propia imaxe en xeso, e que lle provocarán constantes indisposicións. A ruptura do pacto amoroso por parte da moza, que acaba accedendo, ante as presións familiares, a casar cun adiñeirado mozo ao que non ama, provoca que Diego se abstraia da realidade e renuncie por completo ao amor por ningunha muller.A presente edición de A modelo de Paco Asorei, preparada por Marcos Seixo Pastor, pretende reactivar a figura intelectual de Xoán Xesús González, ademais de poñer a disposición do grande público a que pode considerarse a primeira novela erótica da literatura galega.